Monday 29 de April de 2024

A alcaldesa de Vimianzo solicitará á FEGAMP que medie coa Xunta de Galicia na problemática coa fibra no rural


A rexedora, como vogal do organismo, solicitará mediar entre a administración local e autonómica para darlle traza á problemática da cobertura de Internet no municipio.

A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, solicitará á FEGAMP que medie coa Xunta de Galicia na problemática coa fibra no rural. A rexedora, como vogal do organismo, solicitará mediar entre a administración local e autonómica para darlle traza á problemática da cobertura de Internet no municipio.
Mónica Rodríguez, alcaldesa de Vimianzo, convida ademais a outras rexedoras e rexedores ‘a poñer sobre a mesa este tema, xa que non é exclusivo do noso municipio’. Desde o Concello, levan varias semanas en contacto coa empresa subministradora do servizo de Internet para darlle traza a esta solución.
Desde a administración local lévase durante semanas, incluso durante o estado de alarma, tratando de adoptar solucións para solventar un tema que se antolla ‘imprescindible para moitísimas e moitísimos veciños e veciñas’, aportan desde o consistorio vimiancés.
Xa no Plan de Acción Municipal para a Reactivación Económica da Costa da Morte, elaborado polos axentes de desenvolvemento local da zona, detectouse como principal problema para as empresa e cidadanía a deficitaria calidade e cobertura de Internet.
Polo tanto, e sendo un dos temas que están na axenda actual do goberno local, a súa alcaldesa fará chegar a través da FEGAMP esta problemática, para tratar de coordinar así tanto coa administración autonómica como co Goberno do Estado liñas de acción e intentar canalizar así unha problemática que afecta a grande parte da veciñanza, non só do rural, senón tamén da contorna urbana de Vimianzo.
Ademais, nesta liña, a alcaldesa de Vimianzo anuncia que ‘elaboramos un formulario web para consultar coa xente as necesidades reais ao respecto da instalación de banda larga e fibra nos domicilios aos que todavía non chega’, comenta. Esta actuación permite acotar ‘dunha maneira clara e precisa a demanda real que temos en Vimianzo, para poder trasladar tamén en cifras o que é unha realidade: necesitamos un protocolo claro para poder definir e solucionar este tema.
O contexto actual derivará en moito máis teletraballo, e hai moitas e moitos veciños que non poden agardar’, sentencia a rexedora.